Thursday 19 de September de 2024

O BNG de Oleiros denuncia escaseza de prazas nas escolas infantís do país


A Xunta eludiu as súas responsabilidades e pasou a “pataca quente” aos Concellos

O BNG esixe á Xunta rigor e homoxeneidade en criterios e sistema de selección tanto en escolas públicas como privadas subvencionadas

Dende o BNG de Oleiros vimos demandando á Xunta dende hai 15 anos a construción dunha quinta Escola infantil en NOS

A Xunta da Galiza provoca coa súa falla de rigor, información e homoxeneización do proceso de adxudicación de prazas nas escolas infantís escenas como as das colas dende as 4 da mañá vistas na Escola Infantil As Abelliñas, na localidade de Oleiros. As devanditas ringleiras débense á escaseza de prazas para crianzas de 0-3 anos tanto en escolas públicas como privadas. Nesta escola privada as prazas outórganse por orde de chegada e en función do número de horas solicitadas, situación que provocou as lamentábeis imaxes acontecidas, máis propias de eventos multitudinarios de lecer que a de atención de necesidades básicas.

Dada a carencia crónica de prazas públicas nas escolas Infantís de 0-3 anos, a Xunta da Galiza subvenciona prazas en escolas infantís privadas. A situación da matrícula provoca unha clara discriminación cara ás escolas privadas con respecto ás publicas xa que aínda que o prazo de matrícula comeza antes nas escolas públicas, resólvese antes nas privadas, situación que forza a nais e pais a tentar garantir canto antes unha praza para as súas crianzas. Nas escolas privadas non é preciso que as crianzas teñan que ter nacido para a matrícula, nas escolas públicas si. Nas privadas existen facilidades plenas para superar o número de 8 horas diarias xa que existe un afán recadatorio implícito á súa finalidade, e nas públicas non é así. As escolas privadas deciden libremente e a Xunta non fixa determina o sistema malia subvencionar a actividade, desleixo incomprensíbel.

Os requisitos para a matrícula nas escolas públicas son obxectivos (empadroamento, rendas…), mentres que nas privadas se atende exclusivamente á orde cronolóxica de chegada, situación que provoca as infames ringleiras que vimos. O que provoca esta inaudita discriminación a prol das escolas privadas é que tanto rendas altas como o resto dean prioridade este tipo de centros para garantir canto antes unha praza para os seus miúdos. Un último apontamento de discriminación cara ás privadas, que a Xunta permite que vaian por libre, é que cando as nais e pais deciden inscribir a crianza na pública, perden o diñeiro de reserva na praza na privada.

No noso Concello existe listaxe de agarda en escolas públicas e privadas dende decembro, o que provoca unha situación de incerteza absoluta para as familias, especialmente nos casos de crianzas nacidas nos últimos meses.

A Xunta da Galiza anunciou, pouco despois do inicio do mandato actual, que ampliaría o número de prazas en escolas infantís. De feito, situou ese aumento en 3.400 prazas. Mais, en lugar de crear de novas escolas por si mesma, traspasou a súa obriga aos Concellos, que eran os que, na práctica, debían habilitar as novas escolas públicas. O que fixo a Xunta foi abrir unha convocatoria de axudas públicas para a creación de novas escolas infantís municipais. Porén, hai moitos concellos que non poden asumir o custo que carrexa o sostemento deste servizo público tendo en conta, ademais, que a regulación da gratuidade os obriga a asumir un maior esforzo orzamentario que as empresas privadas, como xa ten denunciado o G.P. do BNG no Parlamento Galego.

O BNG de Oleiros demanda dende hai tres lustros unha nova escola infantil, concretamente na parroquia de Nós, terceira en poboación do noso concello. Existe un compromiso de construción de máis outra escola por parte da Xunta dende a época do bipartito, e en 2010 o pleno aprobou ceder un terreo para facela no Vieiro.